As leis de Mendel

 

Mendel descubriu que cando se cruzan chícharos de flores brancas e púrpuras, o resultado non é unha mestura, senón que a descendencia ten flores púrpuras. Concibiu entón a idea da existencia de unidades hereditarias, que denominou “factores”, un dos cales é unha característica recesiva e a outra dominante. Mendel dixo que os factores, despois chamados xenes, normalmente aparecen en pares nas células somáticas ordinarias, pero que segregan (sepáranse) durante a formación das células sexuais. Cada membro do par acaba situado en células sexuais (gametos) separadas. O xene dominante, como o púrpura da flor do chícharo, oculta a presenza do xene recesivo, o de flor branca. Unha vez que Mendel autofecundou a xeración F1 e obtivo a proporción 3:1 na descendencia, teorizou correctamente que os xenes poden emparellarse de tres maneiras para cada carácter: AA, aa, e Aa. A letra “A” maiúscula representa o factor dominante e a minúscula o recesivo, “a”. A combinación Aa aparece con dobre frecuencia ca calquera das outras dúas, xa que pode orixinarse de dúas formas: Aa ou aA.

Mendel afirmou que cada individuo ten dous factores para cada caracter, un procedente de cada proxenitor. Os dous factores poden conter ou non a mesma información. Se os dous factores son idénticos, o individuo dise que é homocigoto para ese carácter. Se os dous factores levan diferente información, o individuo denomínase heterocigoto. As formas alternativas de cada factor denomínanse hoxe alelos. O xenotipo dun individuo está constituído por todos os alelos que posúe. A aparencia física dun individuo ou fenotipo, está determinada polos seus alelos e pola influencia ambiental. Un individuo posúe dous alelos para cada carácter; un alelo recibiuno da nai e o outro do pai. Os alelos pasan á seguinte xeración través dos gametos: óvulos e espermatozoides. Cando se forman os gametos, os alelos sepáranse de forma aleatoria e cada gameto recibe só unha copia de ditos alelos. A presenza dun alelo non significa que o carácter se exprese no individuo que o posúe, xa que nos heterocigotos só se expresa o alelo dominante. O alelo recesivo está presente tamén no heterocigoto, pero non se expresa, aínda que pode transmitirse á descendencia (hai tamén excepcións como a codominancia).

Os descubrimentos de Mendel resúmense en dous principios básicos: lei da segregación e lei da distribución independente.

Vídeo explicativo sobre as leis de Mendel

 

Fontes: Galipedia, Youtube

Autores: Paulo Brea Couceiro, Izan Fontenla Rosende, David Latorre Arca e Matías Rivadulla Cora

Esta entrada foi publicada en 1 - GENERAL. Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta