Identificación xenética “Ángel carracedo”

A pegada xenética ou perfil de ADN (do inglés DNA fingerprinting) é unha técnica empregada en ciencia forense para axudar á identificación de individuos segundo certas particularidades do seu ADN. As pegadas xenéticas ou perfís de ADN son conxuntos encriptados de números que indican como está formado o ADN dunha persoa nas porcións examinadas, polo que poden utilizarse para identificar a unha persoa, por exemplo, en probas de paternidade ou investigación criminal. A pegada xenética non debe confundirse coa secuenciación completa do xenoma, xa que só se secuencian unhas porcións concretas do xenoma distintivas.

Aínda que o 99% das secuencias de ADN humanas son as mesmas en todas as persoas, o resto do ADN ten diferenzas dabondo como para distinguir un individuo doutro, agás no caso dos xemelgos monocigóticos. O que se analiza nas probas da pegada xenética son determinadas secuencias repetitivas que hai no ADN do xenoma humano, que son moi variables en canto ao seu número de repeticións. Estas secuencias son moi similares entre seres humanos emparentados, pero como son moi variables en canto ao seu número de repeticións, é extremadamente improbable que individuos non emparentados teñan o mesmo número de repeticións nas secuencias se analizamos o número suficiente delas.

A técnica do perfil de ADN foi descuberta en 1984 por Alec Jeffreys na Universidade de Leicester en Inglaterra, e empezou a estar dispoñible comercialmente en 1987. Agora hai bases con datos de perfil de ADN en moitos países baseadas nesa técnica.

O proceso empeza coa obtención dunha mostra do ADN dun individuo. O método preferible para recoller esta mostra de referencia é frotar o interior da boca cun bastonciño de algodón, xa que isto reduce a posibilidade de contaminación. Cando isto non é posible, outro método é recoller mostras de sangue, saliva, seme, ou outros fluídos apropiados nos que floten células ou de tecidos procedentes de obxectos ou roupas de uso persoal como o cepillo de dentes ou coitelas de afeitar.Tamén se pode obter de mostras almacenadas como por exemplo, bancos de esperma ou tecidos de biopsias. As mostras obtidas do sangue de parentes familiares da persoa poden tamén dar unha indicación do perfil de ADN do individuo, igual que restos humanos.

A mostra de referencia debe ser entón analizada para crear o perfil de ADN do individuo utilizando varias técnicas posibles. O perfil de ADN compárase coas outras mostras para determinar se hai coincidencia.

Na Universidade de Santiago de Compostela existe un Instituto de Ciencias Forenses de grande prestixio. Moitas mostras de ADN de casos criminais analizadas en España son enviadas a Santiago, como as dos atentados do 11M, o crime das nenas de Alcàsser, ou o dos nenos de Las Quemadillas. O seu director, o doutor Ángel Carracedo Álvarez é considerado como un dos especialistas de máis sona en España e internacionalmente.

A USC destaca tamén no estudo da xenética de poboacións por análise do perfil de ADN, dirixida tamén polo profesor Ángel Carracedo, que ten aplicacións no estudo de migracións, enfermidades e tamén aplicacións forenses: podería saberse se o perfil xenético dunha mostra atopada no lugar do crime é dunha persoa cun perfil típico de determinadas partes de España ou Europa, o cal pode ser de axuda para a investigación.

Ángel Carracedo no seu laboratorio:

 

Fontes:

http://gl.wikipedia.org/wiki/Pegada_xen%C3%A9tica

http://es.wikipedia.org/wiki/Huella_gen%C3%A9tica

Participantes: Adrián Ferreiro García, Ángel Sanmartín Durán.

Esta entrada foi publicada en 2 - ORIXE DA VIDA. Garda o enlace permanente.