EPIXENÉTICA

A epixenética é o estudo dos factores non xenéticos que interveñen na determinación do desenvolvemento dun organismo, desde o cigoto ata a forma adulta e a senescencia. En xenética, a epixenética é o estudo da regulación herdable da expresión xenética ou fenotipo celular causada por factores que non provocan cambios na secuencia de nucleótidos do ADN.

O termo foi acuñado por C.H.Waddington para referirse ao estudo das interaccións entre os xenes e o ambiente que se producen nos organismos. Os factores epixenéticos causan modificación relevantes de tipo funcional no xenoma, pero sempre sen afectar á secuencia nucleotídica. Estes factores non xenéticos fan que os xenes do organismo se comporten de forma diferente. Exemplos destes cambios son a metilación do ADN e a modificación de histonas, que regulan a expresión xenética de xenes que non sufriron cambios na súa secuencia. Ademais, hai probas concluíntes de que estes cambios son herdables, é dicir, pasan de pais a fillos, xa que poden permanecer na célula despois de experimentar sucesivas mitoses e perdurar durante moitas xeracións.

Un exemplo de cambio epixenético en eucariotas é a regulación da diferenciación celular. Durante a morfoxénese, e sen que basicamente cambie a secuencia xénica, as células nais ou troncais totipotentes orixinan varias liñas pluripotentes no embrión, que á súa vez se converten en células completamente diferenciadas. Deste modo, un cigoto dá lugar a moitos tipos celulares, como neuronas, células musculares, epiteliais, endoteliais, etc. a medida que se divide por mitose, e se activan uns xenes e desactivan outros.

En 2011, demostrouse que a metilación do ARN mensaxeiro ten un papel fundamental na homeostase enerxética do organismo. Na obsesidade asociada ao xene FTO está implicada a desmetilación da N6-metiladenosina no ARN. Isto abre unha gran expectativa no campo da epixenética do ARN.

Recentes estudos sobre irmáns xemelgos tanto monocigóticos coma dicigóticos proporcionaron tamén evidencias de influencia epixenética nos humanos.

 

Alba Novo, Diana Cerviño, Nerea Nóvoa

Esta entrada foi publicada en A revolución xenética. Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta