A ESQUIZOFRENIA

A esquizofrenia (do grego, “schizo”: división e “phrenos”: mente) é unha enfermidade mental, caracterizada por unha perda de xuízo da realidade e unha desorganización ampla da personalidade, con imposibilidad de motivar a conduta e establecer propositividade vital adecuada, debida probablemente a un defecto bioquímico ou microestrutural cerebral aínda non ben aclarado

É un trastorno mental que dificulta:

-Establecer a diferenza entre o que é real e irreal.
-Pensar de xeito claro.
-Ter respostas emocionais normais.
-Actuar normalmente en situacións sociais.

CAUSAS:

Os principais factores implicados na aparición e desenvolvemento desta enfermidade son:

-Predisposición xenética: a presenza da enfermidade nos pais ou familiares próximos (tíos, primos, avós, etcétera) é un factor que incrementa a posibilidade de aparición nos fillos.

-Alteracións durante o embarazo ou nacemento: anoxia (falta de osíxeno no feto durante o embarazo ou o parto), infeccións víricas, traumatismos, etcétera.

-Alteracións morfolóxicas, funcionais ou bioquímicas no cerebro: neste apartado xoga un papel fundamental o consumo habitual de substancias tóxicas e a exposición a determinados tóxicos e estresantes ambientais. Están especialmente involucradas dúas substancias implicadas na comunicación entre neuronas a nivel do cerebro. Trátase da dopamina e a serotonina.

-Incumprimento do tratamento unha vez diagnosticada a enfermidade: supón un alto risco de aparición de recaídas.

A esquizofrenia non está relacionada con situacións de baixa escolarización ou traumas infantís, e dende logo non existen culpables da súa aparición.


SÍNTOMAS:

1. Síntomas positivos:

-Alucinacións: as alucinacións son experiencias sensoriais que se orixinan dentro do cerebro en vez de ter a súa orixe no exterior. As alucinacións son causadas pola enfermidade. Os pacientes esquizofrénicos algunhas veces oen voces (alucinacións auditivas) que unha persoa sa na mesma situación non escoita, ou ven cousas (alucinacións visuais) que outras persoas non perciben. O paciente habitualmente ten dificultades para diferenciar o que son alucinacións e o que son percepcións reais.

-Ideas delirantes: son crenzas falsas e persistentes que o paciente cre reais mesmo aínda que haxa probas que indiquen o contrario.

-Trastornos do pensamento: debido á deterioración da función cerebral, o pensamento lóxico de moitos pacientes está deteriorado se se compara co que tiñan antes da súa enfermidade. Os seus pensamentos e a súa linguaxe están alterados.

-Trastorno da autopercepción: a miúdo, o paciente ten unha percepción distorsionada de si mesmo. A distinción entre el mesmo e o que o rodea pode ser borrosa.

2. Síntomas negativos:

-Falta de enerxía e motivación: é un síntoma negativo frecuente. Debido á enfermidade, moitos pacientes perden o seu entusiasmo normal, a súa enerxía e o seu interese polo que os rodea. Isto implica, con frecuencia, que os pacientes son incapaces de cumprir coas súas obrigas ou de levar unha vida social normal.

-Trastornos emocionais: o paciente perde a capacidade de experimentar pracer e non pode sentir emocións normais como o facía con anterioridade. Depresión, falta de autoconfianza ou mal humor son algúns dos síntomas máis frecuentes.

-Retraemento social: obsérvase a miúdo  nestes pacientes. O paciente pode reducir os seus contactos con outras persoas ao mínimo e, mesmo, cos seus amigos e familiares. Debe avaliarse cada paciente por separado para saber se este rexeitamento ao contacto con outras persoas é expresión dun mecanismo de defensa contra a hipersensibilidade asociada á enfermidade, ou se ben o paciente debe de ser animado a tratar de romper o seu illamento social.

3. Síntomas cognitivos

Os síntomas cognitivos son máis sutís. Ao igual que os síntomas negativos, estes síntomas son difíciles de recoñecer como parte deste trastorno. Con frecuencia, só se detectan cando se realizan probas por outras razóns. Estes síntomas inclúen:

-“Funcionamento executivo” (habilidade para comprender información e utilizala para tomar decisións) deficiente
-Problemas para concentrarse ou poñer atención
-Problemas coa “memoria de traballo” (habilidade para utilizar información inmediatamente despois de aprendela)

Polo xeral, os síntomas cognitivos fan que sexa difícil levar unha vida normal e gañarse a vida. Ademais, poden causar grande angustia emocional.

 

CANDO COMEZA A ESQUIZOFRENIA E QUEN A PADECE?

A esquizofrenia afecta a homes e mulleres por igual. Dáse en índices similares en todos os grupos étnicos arredor do mundo. Os síntomas como as alucinacións e os delirios xeralmente comezan entre os 16 e os 30 anos. Os homes tenden a experimentar os síntomas un pouco antes que as mulleres. Na maioría dos casos, as persoas non desenvolven a esquizofrenia despois dos 45 años. Rara vez dáse en nenos, pero estase a tomar máis conciencia acerca da aparición da esquizofrenia na infancia.

Pode resultar difícil diagnosticar esquizofrenia nun adolescente, xa que os primeiros indicios poden incluír: cambio de amigos, caída das notas, problemas para durmir e irritabilidade; comportamentos comúns entre os adolescentes. Existe unha combinación de factores que poden predicir a esquizofrenia en case un 80 por cento dos mozos en risco de desenvolver a enfermidade. Estes factores inclúen: illamento e retraemento, aumento de pensamentos e sospeitas inusuais e antecedentes familiares de psicosis. Nos mozos que desenvolven a enfermidade, esta etapa chámase período “prodrómico”.

 

Sonia Casal Bugallo

Paula Brey Caramés

Esta entrada foi publicada en Enfermidades. Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta