O prestixioso galardón distingue o enfoque multidisciplinar do traballo científico do profesor de Medicina Legal da USC e director da Fundación Pública de Medicina Xenómica Galega
En Amsterdam coñecía onte o profesor de Medicina Legal da Universidade de Santiago, Ángel Carracedo (Santa Comba, A Coruña, 1955), a concesión do Premio Nacional de Xenética 2015, o prestixioso galardón que outorga a Sociedade Española de Xenética. “Gústame porque é un premio moi científico e porque é un recoñecemento a todo o meu grupo de investigación. Co labor individual é imposible progresar en ciencia”, asegura este científico galego de renome internacional, Gallego del Año do Grupo Correo Gallego en 2003.
O ditame do xurado recoñece a diversidade de campos e preocupacións arredor da xenética que integran o seu traballo científico. O galardón, na súa modalidade aplicada, distingue o doutor “polo seu labor pioneiro no desenvolvemento de novas tecnoloxías para a identificación forente baseadas na xenética molecula, que tiveron unha gran proxección internaciuonal” pero tamén polas súas “notables achegas nos ámbitos da xenética forense, clínica e de poboacións”. Así mesmo o xurado destaca “as súas contribucións á oncoloxía clínica e ao establecemento das bases moleculares de varias doenzas mentais e vasculares”. Por último, o ditame incide no seu “labor asistencial desde a Fundación Pública Galega de Xenómica, que realizou decenas de miles de probas xenéticas para a detección de enfermidades raras, moitas con tecnoloxía propia”.